
O ANO DO TIGRE
Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos.
108 páx
16,50 €
Narrativa
O ano do tigre reúne cinco pezas de narrativa inéditas asinadas por tres autoras e dous autores de luxo. Algunhas veces rabuñan e outras aloumiñan, morden o futuro e tamén rin. Velaquí un obxecto da imaxinaxión, a suma do talento creativo de Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael ramos. Un libro para letrafelinos, un acontecemento. GRR!
Cuberta, maquetación e deseño de Roi Fernández

A POESÍA COMO ARTE INSURXENTE
Lawrence Ferlinghetti
Trad. Daniel Salgado
74 páx
15 €
A poesía como arte insurxente é o depósito de aforismos co que Lawrence Ferlinghetti (Nova York, 1919) intenta comprender a poesía e, por extensión, a vida. É o manual de instrucións, a caixa de ferramentas, dun poeta moderno.
Poeta, dramaturgo e novelista, libreiro e editor, xornalista e tamén pintor, Lawrence Ferlinghetti é autor, entre outros traballos, de Pictures of de Gone World (1955) e de A Coney Island of the Mind (1958), ata este ano o título de poesía máis vendido por calquera poeta americano vivo. Permaneceu activo ata o final da súa vida nas súas diferentes facetas e dicía que un escritor non se xubila ata que non é quen de soster na man o bolígrafo.
Ilustración de cuberta, deseño e maquetación de Roi Fernández.

PEQUENO ÁLBUM DE NOVA YORK EN INVERNO
Texto de Carlos Meixide e debuxos de Berta Dávila
116 páx
15 €
Dous turistas tiran fotos, ámanse, descobren xuntos a cidade, ven caer a neve, deixan o seu rastro sobre ela, escriben e debuxan, pasean polas rúas e polos museos e visitan librerías infinitas na procura das edicións norteamericanas dos seus libros favoritos. Conversan sobre literatura e sobre cine, fan memoria sobre a súa propia historia e pensan no futuro. Deciden que se cadra estaría ben, e que se cadra sería posible, converterse en pequenos editores.
Pequeno álbum de Nova York en inverno é un libro de debuxos da viaxe que serviu de sementeira para o proxecto Rodolfo e Priscila, editora indecisa. É a carta de presentación do que hoxe é un desexo cumprido e conta unha historia de amor atravesada pola panorámica íntima dunha das cidades máis apaixonantes do mundo.
Ilustración de cuberta de Berta Dávila.
Deseño e maquetación de Roi Fernández.